Introducción

Dende Soporte á Docencia lévase a cabo a labor de coordinar a implantación e desenvolvemento do sistema informatizado da Guía de Harmonización da Docencia Universitaria, que se desenvolveu no contexto do proxecto GADU para o deseño e xestión das guías docentes de centro, de titulación e de materia, coa finalidade de dar resposta as esixencias que plantexa a planificación e desenvolvemento das ensinanzas de grao e posgrao no marco do Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES).

 Para asumir esta tarefa dunha maneira progresiva e harmonizada, ponse unha especial énfase en ofrecer a través de distintas vías o soporte técnico e metodolóxico ao profesorado na elaboración das guías docentes. Así, neste proceso establécense como sistemas de apoio ao profesorado:

  • Axudas metodolóxicas: integradas en cada un dos apartados do sistema informatizado a través do que se elaboran as guías docentes.

  • Atención personalizada: individual ou en pequenos grupos, tanto mediante xuntanzas presenciais, teléfono ou correo electrónico.

  • Obradoiros presenciais: a nivel de centros e/ou campus por solicitude dos propios responsables académicos (dirección dos centros, departamentos ou responsables de titulación).

  • Guía de metodoloxías docentes: que se nutriu en gran medida na fase de implantación do sistema GADU a partir das achegas recollidas do propio contexto que caracteriza a praxe docente do conxunto das ensinanzas que se imparten na UDC.

  • Repositorio de preguntas frecuentes (FAQs): que se vai conformando a partir das propias consultas que realiza o profesorado.

  • Outros recursos de apoio á docencia.

 O noso obxectivo é incrementar de maneira progresiva esta base de recursos de apoio en coordinación e apoio coa comunidade docente, para dar así resposta aos intereses e necesidades do propio contexto.