Presentación

 
A Universidade da Coruña asume entre os seus obxectivos fundamentais promover a plena integración no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e ofrecer unha docencia de calidade para a formación integral dos estudantes, de acordo ao que establecen os artigos 2.2 e 54.1 dos seus Estatutos. Así se constatou no seu día mediante a creación da Vicerreitoría de Calidade e Harmonización Europea, agora Vicerreitoría de Titulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, que asume de pleno a planificación, desenvolvemento e avaliación dun gran número de iniciativas que teñen como finalidade promover a adaptación progresiva do noso sistema de educación superior e a construción do EEES.
 
A nosa universidade participa activamente deste proceso. Neste camiño apostou por unha estratexia de anticipación mediante o despregue dun plan de acción pensado en clave institucional que se fundamenta no desenvolvemento dun exercicio metodolóxico de importantes implicacións no ámbito tanto da docencia como da xestión.
 
Nesta liña cabe destacar as accións piloto ACSUG e as accións propias da UDC como a Avaliación Docente, os programas de formación continua de apoio á docencia, os Contratos Programa e os Grupos Departamentais de Calidade. Así mesmo, salientamos de maneira específica o Proxecto GADU para a elaboración dun modelo de harmonización da docencia, que propón un exercicio metodolóxico desde o que se abordan de forma integral todos os pasos necesarios, así como o soporte técnico e metodolóxico, ambos fundamentais para a planificación e desenvolvemento da docencia de acordo ao sistema ECTS. A través deste proxecto promóvese a coordinación do profesorado a nivel de centros, titulacións, áreas e materias no deseño das ensinanzas de grao e posgrao en termos de competencias académico-profesionais para a posterior elaboración das guías docentes, que se sustentan sobre a base dun modelo que contempla a docencia desde unha dimensión integral nas súas diferentes modalidades.
 
 
 
Paralelamente ao desenvolvemento destas iniciativas, nas que de forma individual e/ou de grupo o colectivo docente tomou parte, orientadas todas elas a promover unha progresiva adaptación das titulacións de acordo ás directrices do proceso de Bolonia, foi necesario canalizar un asesoramento e apoio metodolóxico para articular o novo modelo de planificación da docencia que serve como punto de referencia a todo o profesorado da nosa universidade. Esta dimensión preséntase como un eixe clave que tamén ten importantes implicacións no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación aplicadas á educación, en canto constitúen un enclave esencial para sistematizar e canalizar os soportes de apoio á docencia que, non só fan posible afrontar o actual proceso de adaptación senón mirar cara a progresiva e continua construción do EEES máis alá do recoñecemento mediante a obtención da mención ECTS.
 
Neste sentido, a necesidade que suscitou establecer un soporte metodolóxico á docencia de forma continua, mediante unha atención aos usuarios que participan a través das diferentes iniciativas na construción de novas experiencias docentes acorde ao sistema ECTS, non debe entenderse como unha cuestión puntual. Este novo escenario da educación superior orixinado a partir do Proceso de Bolonia constitúe unha oportunidade única para sistematizar estes novos servizos, non só polas necesidades actuais de converxencia, senón porque son un elemento esencial para cumprir co obxectivo de proporcionar unha docencia de calidade para a formación integral dos estudantes da nosa universidade.
 
Todas estas formulacións susténtanse sobre a base de favorecer a mellora continua da docencia de acordo á evolución das necesidades propias do noso contexto actual. Neste sentido, desde un plano global, non podemos perder de vista que, na súa evolución, unha característica común á maior parte das universidades, no ámbito dos títulos oficiais que imparten, é que se configuran como institucións de ensino presencial. Non obstante, aínda contemplándose deste modo, cada vez deixa de ser un modelo exclusivo como tal en beneficio de modelos mixtos, dando cabida a novas formas derivadas das posibilidades que nos ofrecen as TIC, así como os cambios a nivel metodolóxico sobre os que se constrúe o novo EEES. Referimonos, polo tanto, aos modelos semipresenciais, nos que, se ben, predomina o presencial sobre o non presencial.
 
A configuración e o desenvolvemento harmónico de modelos de ensino mixtos están condicionados a multitude de variables. A nosa universidade percorreu un importante camiño neste terreo. Cabe destacar accións que incidiron na mellora das infraestruturas tecnolóxicas, na formación para a integración das TIC na docencia, así como o incipiente traballo metodolóxico desde o que se articula un proceso de harmonización da docencia en consonancia co novo EEES. Se ben, debemos valorar de forma positiva o camiño percorrido en tan pouco tempo, non menos importantes son os retos que debemos afrontar sobre a base deste traballo realizado para mellorar a calidade dos nosos servizos á comunidade universitaria e á sociedade en xeneral.
 
Para asegurar a calidade no desenvolvemento dos diferentes modelos de ensino (presenciais, semipresenciais e non presenciais), temos que asumir o reto de conxugar harmonicamente tres piares fundamentais e a súa vez complementarios dunha mesma realidade:
 
-         O soporte metodolóxico aos diferentes modelos de ensino.
-         O soporte tecnolóxico ao campus virtual.
-         O soporte técnico á produción de material didáctico multimedia (MDM)para a aprendizaxe.
 
Tomando en consideración estes referentes fundamentais, asumimos que desde a experiencia actual danse necesidades de intervención no plano técnico e metodolóxico que nos sitúan no reto de que sexamos capaces de conxugar estas dúas dimensións para que, dun modo organizado e sistemático, se realice de forma continua un servizo de calidade de apoio á docencia; que afronte non só as necesidades actuais derivadas das iniciativas levadas a cabo neste momento do proceso de converxencia, senón que aborde o desenvolvemento de servizos e proxectos de innovación educativa/tecnolóxica. Estes deben estar orientados a potenciar os procesos de ensino e aprendizaxe mediante a sistematización dunha asistencia permanente para a elaboración de novos soportes que permitan dinamizar a produción, xestión e difusión de espazos, experiencias e recursos educativos de apoio para a constante mellora e innovación no ámbito da docencia, con fin de contribuír dun modo eficiente e eficaz á xestión do coñecemento.
 
 
 
Co obxecto de garantir a sistematización dos servizos derivados desde o plano metodolóxico no ámbito da docencia, así como as súas implicacións no campo da innovación tecnolóxica para promover a plena integración no EEES, de cara a favorecer unha docencia de calidade para a formación integral dos estudantes e, de acordo aos Estatutos da Universidade da Coruña (artigos 2.2, 54.1 e 105.1), créase Soporte á Docencia (SD).
 
Este espazo de traballo xustifícase tamén en atención ás actuais recomendacións que o Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) dirixe a través da Comisión para a Renovación das Metodoloxías Educativas na Universidade (CRMEU, 2006), indicando o interese que ten para as universidades asumir iniciativas vinculadas coa “creación dalgunha instancia institucional para soporte metodolóxico á docencia, de carácter técnico, que sirva de apoio aos procesos de innovación metodolóxica”.
 
Soporte á Docencia toma como base unha estrutura na que se contempla un perfil metodolóxico e outro de corte tecnolóxico como ámbitos indisolubles para o desenvolvemento das funcións que garantan un servizo de excelencia e calidade á comunidade educativa no contexto da educación superior.