O perfil académico-profesional da titulación

 

O deseño do perfil de competencias da titulación

O perfil de competencias da titulación é o referente para elaborar ás guías docentes das súas materias.
 
De acordo co proceso de adaptación e a progresiva construción do espazo europeo de educación superior, a dirección do centro é a responsable de coordinar a elaboración do perfil académico-profesional en consonancia co proxecto das súas titulacións actuais. Como apoio a esta labor, o decano/a ou o director/a da escola poderá asignar as labores de coordinación nalgunha das figuras do Profesorado Responsable de Calidade e Converxencia (PRCC), no Profesorado Responsable de Titulación (PRT) ou noutro profesor/a do centro. A proposta inicial do perfil da titulación elabóraa a comisión creada polo centro e apróbase finalmente en Xunta de Centro ou de Escola segundo o tipo de centro.
 
 
 
O modelo para a elaboración do perfil académico profesional sobre a base das actuais titulacións contempla:
1.      O bloque que recolle os compoñentes previos en torno aos que se configura a identidade profesional e que serven para situar os referentes contextuais que guían a concreción das competencias da titulación. Estes compoñentes son:
a.      Os ámbitos de traballo, que recollen os sectores ou espazos de traballo no que os titulados desenvolven a súa labor profesional.
b.      As figuras profesionais, a través das que se da resposta ao tipo de especialización que se require nos distintos sectores de traballo.
c.      As funcións e tarefas, para determinar que é o que debe saber facer cada unha destas figuras segundo os ámbitos nos que traballa.
d.      Os niveis de formación, co obxecto de perfilar que tipo de coñecementos debe ter cada figura segundo os ámbitos de traballo
2.      O bloque a través do que se definen as competencias da titulación. Neste apartado recóllense res tipos de competencias:
a.      Tipo A: Competencias específicas. Integran as competencias propias do “saber” e do “saber facer”, que conforman o campo disciplinar propio da titulación. Son competencias relacionadas directamente coa ocupación/profesión. No contexto do proceso de adaptación da UDC ao EEES presentado aos centros a través do Profesorado Responsable de Calidade e Converxencia (PRCC), estas competencias debe definilas a comisión proposta pola dirección do centro para este cometido.
b.      Tipo B: Competencias xenéricas ou transversais. Refírense a competencias transferibles a multitude de situacións e tarefas. Integran as competencias propias do “saber ser e estar” que non son exclusivas dun único ámbito disciplinar, senón que son comúns a todos eles. Por exemplo, todo titulado ha de ter capacidade para traballar en equipo, adaptarse a novas situacións, traballar de forma autónoma, comportarse con ética e responsabilidade social como cidadán e como profesional… Estas competencias deben traballarse de forma integrada coas competencias específicas. A UDC propón unha serie de competencias xenéricas, pero cada titulación pode engadir outras. Estas competencias defíneas a titulación.
c.      Tipo C: Competencias nucleares. Son comúns a todas as titulacións da UDC. Polo tanto, estas competencias defíneas a universidade. Enténdense como competencias esenciais comúns ligadas á institución. Son aquelas competencias que se pretende que teña todo titulado da Universidade da Coruña. Pódense abordar de forma integrada no currículo das materias e de forma específica a través de accións formativas desenvolvidas dende servizos da UDC como o Centro de Linguas, o CUFIE, a Aula de Formación Informática, etc. A UDC propón a seguinte relación de competencias nucleares:
1.      Expresarse correctamente, tanto de forma oral coma escrita, nas linguas oficiais da comunidade autónoma.
2.      Dominar a expresión e a comprensión de forma oral e escrita dun idioma estranxeiro.
3.      Utilizar as ferramentas básicas das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) necesarias para o exercicio da súa profesión e para a aprendizaxe ao longo da súa vida.
4.      Desenvolverse para o exercicio dunha cidadanía aberta, culta, crítica, comprometida, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implantar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común.
5.      Entender a importancia da cultura emprendedora e coñecer os medios ao alcance das persoas emprendedoras.
6.      Valorar criticamente o coñecemento, a tecnoloxía e a información dispoñible para resolver os problemas cos que deben enfrontarse.
7.      Asumir como profesional e cidadán a importancia da aprendizaxe ao longo da vida.
8.      Valorar a importancia que ten a investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no avance socioeconómico e cultural da sociedade.
 
 
 
De acordo co modelo exposto no apartado anterior, o tratamento do perfil de competencias dunha titulación farase en función das seguintes situacións:
a.      En tanto non se implanten os títulos de grao, para as materias das titulacións de primeiro e segundo ciclo, as guías docentes elaboraranse tomando como referencia o perfil de competencias que cada centro elaborou en consonancia co proxecto do plan da titulación vixente na actualidade no marco do proceso de adaptación proposto dende a Vicerreitoría de Calidade e Harmonización Europea.
b.      Unha vez que se implanten os títulos de grao, as guías docentes das súas materias desenvolveranse tomando como referencia o perfil de competencias recollidos no proxecto da titulación.
c.      No caso dos Programas Oficiais de Posgrao (POP), as guías docentes das súas materias desenvolveranse tomando como referencia o perfil de competencias recollidos no proxecto da titulación.
d.     Para os Estudos Propios de Posgrao (EPP) organizados en clave EEES, segundo se recolle no Regulamento de Estudos Propios de Posgrao, as guías docentes das súas materias desenvolveranse tomando como referencia o perfil de competencias que figura no proxecto da titulación aprobado polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña.